Reino Suevo

Quem foram os suevos?

 Os suevos (alemán Sueben ou Sweben) foron un conxunto de pobos xermánicos orixinarios do norte de Europa. O seu asentamento primitivo atópase na zona do mar Báltico, chamado polos romanos Mare Suebicum. Tácito menciónaos, aínda que chama suevos a tódolos pobos xermánicos do leste.

Cabelo de uma mulher sueva (tutorial disponível mais tarde) 

O Reino Suevo da Gallaecia 

O Reino Suevo configúrase como a estrutura política máis antiga das actuais rexións da Galiza, norte e centro de Portugal depois da caída do Imperio Romano. É o primeiro estado medieval, e o primeiro en separarse do Imperio Romano e cuñar moeda. Os suevos eran un pobo xermánico que tería entrado no noroeste da Península Ibérica en 409 ou 410 nunha vaga migratoria ou guerreira, mais con pouca poboación (entre vinte mil e trinta e cinco mil persoas). Tomaron control do territorio rapidamente mais, debido ao seu número reducido, non modificaron grandemente a estrutura nin a cultura en que se asentaron. O Cronicón de Hidacio é unha das fontes que máis datos nos fornecen sobre a estadía deste pobo no noroeste penínsular e posúe gran valor por tratarse dunha fonte contemporánea aos feitos sinalados.

O sistema monetario Galaico-Suevo foi o primeiro en emanciparse do Imperio Romano, a Igrexa galega transformouse nunha institución política do Reino e formalizouse a distribución interior demográfica de Galiza en parroquias, erixidas en boa parte sobre asentamentos prerromanos.



História 

Os suevos, procedentes do norte da Europa concentráronse á súa chegada á Península Ibérica entre o Douro e o Miño, na zona de influencia de Braga. Os demais pobos invasores, canda os suevos repartíronse o territorio: os vándalos silingos ocuparon a Bética, os suevos a zona occidental da Gallaecia e os vándalos asdingos ocuparon a parte leste da Gallaecia. Os suevos nomearon rei a Hermerico (409-438) e estableceron o seu reino no citado territorio. É posible que Hermerico asinara un foedus con Roma no 410 ou 411, mais a distribución dos pobos bárbaros verase alterada por mor da intervención dos visigodos, entre os anos 418 e 421, que axudaron ó emperador Honorio a botar fóra ós vándalos silingos e mailos alanos. No ano 420 os vándalos asdingos, con Gunderico á cabeza, atacan ós suevos, o que provoca unha nova intervención romana en axuda ós suevos. Os vándalos bátense en retirada cara o sur, deixando o sitio para os suevos, que terán, agora si, un reino que abranga toda a antiga provincia romana da Gallaecia.

Durante todo o século V os enfrontamentos entre os suevos e a aristocracia galaico-romana foron habituais. Debido á súa enfermidade, Hermerico abdicou no ano 438 en favor do seu fillo Requila (438-448), quen emprendeu unha política expansiva que fixo que os suevos se consolidasen no norte da Lusitania. Oficializou a capital do reino en Braga, e espallou o reino cara ao sur, conquistando Mérida, a capital da Lusitania, no ano 439 e chegando a tomar Sevilla no ano 441. A Requila sucedeuno Requiario (448-456), primeiro rei suevo nado en territorio galaico, que adoptou o catolicismo no 449. No ano 456 tivo lugar a batalla do río Órbigo, que enfrontou a suevos e visigodos, os cales loitaban contra o expansionismo suevo. Os visigodos derrotaron os suevos, o que tivo como consecuencia o asasinato de Requiario e o saqueo de Braga polos visigodos.


Trala derrota fronte aos visigodos, o reino suevo dividiuse en dous e gobernáronno simultaneamente Frantán e Aguiulfo. Ámbolos dous fixérono dende 456 ata 457, ano no que Maldras (457-459) reunificou o reino, para acabar sendo asasinado tras unha conspiración romano-visigoda que finalmente fracasou. A pesar de que a conspiración non conseguiu os seus auténticos propósitos, o reino suevo viuse novamente dividido entre dous reis, Frumario (459-463) e Remismundo (fillo de Maldras) (459-469) que reunificou novamente o reino do seu pai no 463 e que se viu obrigado a adoptar o arrianismo no 465 debido á influencia visigoda.

Trala morte de Remismundo entrouse nunha época escura, que durou ata 550, ano no que desaparecen practicamente todos os textos escritos. O único que se sabe desta época é que moi probabelmente Teodemundo gobernou a Suevia.

A época escura rematou co reinado de Carriarico (550-559) que se converteu novamente ao catolicismo no 550. Sucedeuno Teodomiro (559-570) (non se confunda con Teodomiro, rei dos visigodos) durante o reinado do cal tivo lugar o Primeiro Concilio de Braga . Durante esta época, entre os nativos galaicos e os suevos desaparecerían as diferenzas, este feito tería por resultado que os autores coetáneos se refiran ao reino nese momento como Galliciense Regnum, e aos reis indistintamente como Regem Galliciae, Rege Suevorum ou Galleciae totius provinciae rex. Mironis Galliciensis regis "Miro, rei de Galicia"
Mirus rex Galliciensis legatos ad Guntchramnum regem dirixit."Miro rei de Galicia enviou delegados ao rei Guntchramn"

Brilla nesta época o labor de Martiño de Dumio, recoñecido coma episcopi Gallaecia, impulsor dos devanditos concilios, da ordenación do territorio (Parrochiale Suevum) e da difusión do cristianismo fronte as crenzas pagás de raíz prerromana (De correctione rusticorum). Desempeñou funcións de auténtico chanceler do rei Teodomiro.

Miro (570-583) foi o seu sucesor. Durante o seu reinado celebrouse o Segundo Concilio de Braga (572). Aproximadamente no 577 iniciouse a guerra civil visigoda, na que interveu Miro en axuda de Hermenexildo, o fillo rebelde do rei Leovixildo, e ademais pretendeu fortalecer relacións con francos e bizantinos. Isto supuxo serias liortas cos visigodos. No 583 Miro organizou unha expedición fracasada de conquista a Sevilla. Durante a volta desta expedición o rei atopou a morte. No reino suevo comezaron a producirse moitas liortas internas. Eborico (tamén chamado Eurico) (583-584) foi destronado por Andeca (584-585), que fallou no seu intento por evitar a invasión visigoda dirixida por Leovixildo, que se fará efectiva finalmente no 585. Aínda así xurdiu un pretendente suevo ó trono, descendente do rei Miro, chamado Malarico. Este rematou derrotado no 586 por Leovixildo, rematando así toda resistencia sueva.