Sunday, September 25, 2011

Gallaecia e a súa história

A Gallaecia foi unha provincia romana do noroeste da Península Ibérica que abranguía o que hoxe é a comunidade autónoma de Galicia, o norte de Portugal e as provincias españolas de Asturias, León e Zamora. As súas capitais estaba en Bracara Augusta (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga).

                                                                           Orixe

Os romanos déronlle o nome de Gallaecia ao noroeste da Península Ibérica polos callaeci, que constituían unha amálgama de pobos máis ou menos celtizados que vivían entre o Douro e o Miño, que os romanos coñecen por vez primeira coa chegada de Décimo Xunio Bruto ao norte do Douro no 137 a.C. Décimo Xunio Bruto, quen recibiu o sobrenome de Galaicus, continuou a súa expedición cara o norte, sometendo ós pobos castrexos, ata chegar ó río Limia, considerado o Lethes ou río do esquecemento. Alí vence a superstición e continúa ata o río Miño onde se detivo. Como resultado deste primeiro acercamento o territorio costeiro entre o Douro e o Miño quedou explorado e sometido, mal que ben, a control romano. A partir de entón a sociedade indíxena galaica comeza a recibir influxos romanos, realizando xa intercambios comerciais directamente con Roma.

Os galaicos fan a súa entrada na historia escrita no século I d.C na épica Púnica de Silio Itálico sobre a Primeira Guerra Púnica dun xeito que aínda hoxe nos é familiar, dous mil anos despois:

Fibrarum et pennae diuinarumque sagacem 
flammarum misit dives Callaecia pubem, 
barbara nunc patriis ululantem carmina linguis, 
nunc pedis alterno percussa verbere terra, 
ad numerum resonas gaudentem plaudere caetras
Libro III. 344-347

"A rica Gallaecia envía a súa mocidade, coñecedora da adiviñación polas entrañas das bestas, polo voo das aves e polas chamas divinas, a cal ou ben berraba bárbaros cánticos nas súas linguas patrias ou ben, tras golpearen a terra con golpes alternos de pé, se aledaba en bater ritmicamente os sonoros escudos".


                                                                           História

 Os Callaeci  enfróntanse ás forzas romanas no 137 a.C. nunha batalla no río Douro, que resulta unha derrota para eles e Décimo Xunio Bruto volta vencedor, e recibe do Senado o título de Callaecus. Décimo Xunio Bruto non pretendeu ocupar a zona sur da Galiza para conseguir riquezas, senón que levou a cabo unha expedición de castigo contra este pobo, que se dedicaba a realizar incursións bélicas e de saqueo na área lusitana.

Partiu do Portus Cale, que se corresponde co actual Porto. As súas lexións avanzaron pola costa co apoio da frota e ocuparon unha serie de castros costeiros. Estableceu unha guarnición no lugar da actual Valença e despois internouse cara a Braga. Após dunha batalla vitoriosa avanzou cara o Limia e ocupou a cidade de Lansbricae, para cruzar posteriormente o rio Miño.

Estas campañas non tiveron unha grande importancia e limitáronse a unha zona xeográfica moi concreta: o sur da Gallaecia, con especial incidencia na zona costeira.

O mesmo xuízo histórico merecen unha serie de expedicións posteriores coma as do procónsul da Ulterior, Publio Craso, do 96 - 94 a.C., que realizou unha expedición na pescuda das illas Casitérides e as súas minas de estaño, abrindo as rutas de comercio deste mineral. No 62 a.C. é o propio Xulio César quen visita Gallaecia movido polo seu desexo de obter riquezas, chegando ata o golfo Ártabro e abandonando esta terra por Brigantium.

Pero a conquista definitiva do noroeste da península non se realizará ata o emperador Augusto entre o 26 e o 19 a.C. no contexto das guerras cántabras.

Ao primeiro, Augusto inclúe o territorio da actual Galicia na Lusitania, pero xa no 13 a.C. pasa á Hispania Citerior. O mesmo Augusto, reforma a división provincial de Hispania no 27 a.C, asignando a Gallaecia á provincia Tarraconense. Con Caracalla quizais formou parte, xa con Asturias e Cantabria, da Hispania Nova Citerior Antoniana (214), pero non foi ata a reforma administrativa e militar de Diocleciano - quen dividiu Hispania no 298 en sete provincias - que se constitúa a provincia da Gallaecia.


                                                                         Demografía

Grazas á arqueoloxía e aos datos censuais romanos, coñécense a densidade de poboación así como un número aproximado de habitantes -galaicos e ástures que terían vivido na Gallaecia. Así, segundo Plinio, os galaicos, repartidos entre bracarenses e lucenses sumaban un total de 451.000 habitantes, de xeito que os bracarenses contaban con 285.000 homes e mulleres, mentres que os lucenses roldaban os 166.000, amosando o dato unha densidade demográfica moito maior entre os bracarenses, corroborado pola existencia de grandes castros case exclusivos do seu territorio. Por outra parte, o censo de Plinio achega a cifra de 240.000 individuos para os ástures, sensiblemente menor que os galaicos bracarenses e que supón unha densidade demográfica moi baixa en relación co territorio ocupado.